Ignorantada, ?

Cavilando, cavilando as veces pásome afondando en andromenas. A problemática do asunto ven sendo a eiva intelectual propia para chegar a eses verdes vales, ben a pesar diso non me corto en cismar, aínda a risco de regoldar certas ignorantadas.
Ignorantada é verba apropiada para alcumar esta disertación, cecais non recoñecida por académicos, -dise daquelo que din os necios- pero que sobrevive nas conversas das xentes sinxelas, máis alá da realidade moitas veces inventada dos libros. O significado non sería o mesmo que ignorancia, esta recoñecida polos letrados. O ignorante actúa sen consciencia da súa eiva, o necio persiste malia saber selo.
A viaxe desta vez discorre fonda nos meus adentros, mentres coas mans manexo rexo o volante da carruaxe, máquina do tempo. Circula a idea que neste noso universo humano escápasesnos algo, que a nosa limitada comprensión non remata de apreixar. Un home se é capaz de dotar de sentido a súa existencia é cecais porque restrinxe a cuestión á marxe do tanxíbel, sendo non máis que un animal que desfruta autocompracente dunhas facultades que chama superiores.
Cecais son estas facultades superiores a causa dese baleiro cando centran a súa atención nas preguntas das fronteiras do coñecemento, dende o ínfimo ó infinito, dende os primeiros principios, ata os derradeiros porqués... E sendo innecesarios para a vida sinxela do simio, inexplicabelmente xorden, e desa intención constante de resposta xorde toda a súa evolución cognitiva e progreso tecnolóxico posterior ata os nosos días.
Mais a idea que circula no fondo de todo este gastado discurso, onde se centra o meu baleiro pensamento, é que ó mellor non alcanzamos un maior afondamento no coñecemento da realidade polo inaxeitado e caduco dos códigos e rexistros que levamos milleiros de anos usando para comprendela e transmitila, e o mesmo a anclan e limitan traicionándoa, e son fundamento de toda a nosa andamiaxe intelectiva e tecnolóxica. Séguesenos escapando algo entre as liñas de letras e cifras, ou nas diversas formas de representación. Un exemplo ocórreseme son as manifestacións artísticas contemporáneas que agotan a súa capacidade de expresión, e limitan a súa evolución ó avance das novas tecnoloxías.
Posibelmente existen outras formas de soñar, sentir, recordar, comprender, transmitir..., pero posibelmente xa non sexan posíbeles para máquina humana.
Necedade pura e dura...

Esmorgantes