Os templarios do pedal

Unha das mundanas satisfaccións que moven a miña anana existencia ven sendo o vicio de erguerme os domingos de cedo para montar na sufrida montaña rusa de outeiros e vales a golpe de pedal descubrindo novas corredoiras de novo cada nova vez as piso.
Desta vez a aventura trasladouse ó outro lado da raia minhota, saltando por riba dese amplo e vívido río amedrentado durante longos séculos ante tanta fermosa fortaleza da desconfianza que se reflexan nos espellos verdes de augas fértiles. Tamén é un río de olvido de case mil anos, e a pesares diso ó cruzar esa que non é máis que unha fronteira artificial -como case tódalas humanas- non o é tanto. Malia que a moitos lles pese seguimos entendéndonos nunha que se non é unha mesma lingua é moi ben parecida; e se tódolos galegos temos un achegado que se viu obrigado a cruzar as amplas augas da terra e do mar, aquí no sur case todos levamos un regatiño de sangue portuguesa nas nosas veas, malia que a moitos lles pese.
A cita era en Cambeses, freguesía do veciño concello de Monçao, alí celebrábase unha marcha de btt -isto é, bicicleta todo terreo-. A mañá era plácida, desas que o febreiro, ou o marzal nos deixa entrever co seu cheo e ferinte sol madrugador, o dos xérmolos que de nova vida o pasado entroido nos trae. Víase que o evento non ía ser multitudinario, faltaba pouco para saída e a concurrencia era máis ben pouca, -case todos ían uniformados coa lucida equipaxe verde lima e azul marino do clube ciclista de Moncao, que polo que logo me puiden enteirar conta con case cen integrantes, cifra que non está nada mal-. O lugar de quedada, o pavilhao segundo verbas dun paisano o que preguntamos, perturbado polo suceso no sosego da aldea nunha maña de domingo, era unha pista de deportes de cemento liso ó aire libre cercada dunha alta rexa cuns vestiarios encalados e un pequeno aparcamento que logo se amosaría insuficiente. Estaba nun socalco rodeado dunha longa veiga verde de comer de eiras entreticidas de infinitas viñas recen atadas entre o primeiros e doces outeiros da máis ala dura e agreste Serra da Peneda. Enfrente, noutro alto apretada por un casal decontra un precipicio, víase a tamén encalada igrexa manuelina da Virxe dos Miragres que en tempos tivo máis de 70000 cofrades. Se os felices e poderosos americanos teñen o seu frío, e xa desencantado soño, a nos os desencantados aínda nos quedan os misteriosos, e inesperados miragres. Pode haber máis escondida fe i esperanza no corazón dun pobo. Abonda con ter a chama acesa aínda que sexa do fío mais fino e gardado.
A organización corría polo que puiden ver a cargo de dous ou tres ciclistas, asistidos das súas mulleres loiras e ledas, fracos, escravos, morenos de campo, sol de duro traballo, cos seus maillóts vermellos, inscritos nas costas a cruz emblema dos templarios ó lado dunha espada, debaixo puña Templarios do pedal. A marcha en cuestión chamábase Marcha btt Mota dos templarios de Cambeses.
Nesta actitude comtemplativa a miña liviana estupefacción xorde a vez que de entre debaixo as viñas aparecen maxicamente os derradeiros cicloturistas apurados, e outros sacan botellas de viño de Oporto para quentar as costelas na fresca mañá nun balbordo festexeiro impropio desas horas e acontecemento polo menos en latitudes máis septentrionais. A saída con foguetes foi frenética, ansiosos de deborar metros cos dentes das rodas por camiños enlamados, -despois souben a causa de tan acelerado comezo- ata que, impracticábel pola súa pendente tanto ascendente como descendente a marcha pasa de ser ciclista a pedestre, en media hora fixemos tres quilometros -alí definitivamente a miña estupefacción ata entonces curiosa, estourou, e cristalizou nese prexuizo tan fronteirizo ¡Están tolos estes portugueses!, e dubidei medio alporizado en dar volta, a este paso non rematamos nen para a cea -polo normal unha marcha btt ten ó redor de trinta quilometros-.
A partir de entón as cousas voltaron a certa normalidade do coñecido, e os templarios trataron de calmar a nosa disconformidade de galos extranxeiros animándonos xentís i esforzados enriba das súas monturas a seguir prometéndonos que o recorrido melloraría como así foi. E seguiu nunha máis suave liña de irregulares formas, por pistas esquecidas no monte, ou polas nervosas formas dos camiños empedrados dos socalcos entremedio das casas suspendidas en pendente vertixinosa, con anacos do dosel das parras suspendidas en aramios sen folla ata o fondo do val onde os camiños enlamados de cachotes estaban atravesados por abundantes veas acanaladas de auga, de cando en cando un dosel de vides voltaba a cubrirnos. Collido o ritmo da carreira, o esforzo suoroso por turrar dos pedais, non me distraiu da sensación perceptiva de armonia inherente ás imperfectas curvas que tramaban toda aquela paisaxe de transformación humana, é máis, tiven a sensación de ser un lapis que sobreescribe sobre o debuxo do deseño afanoso do trafego dos seculos en simbiose empírica i espóntánea para sacarlle a terra o seu máximo e sostíbel froito. Un deseño intemporal sin máis prazo nin trazo que o cíclico i eliptico. E parecéume nun posterior pensamento mollado de suor, que tendo moi parecido soporte, e con resultados a pesares das fronteiras de evidente similitude, este acadou moito mellores i elaboradas sintonias e adecuadas formas neste lado do río, tendo a súas causas en convincentes feitos históricos e constitucionais, como ademáis de ter un ente institucional que rexe no seu propio e uniforme ser, unha impronta maior da romanización, da avanzada civilización do islam, ou mesmo británica -que en tempos imperiais explotaron colonial e agricolamente boa parte do territorio do pais veciño sobre todo nas marxes do Douro-, e a necesidade de alimentar dos escasos recursos un dos meirandes imperios durante séculos.
Cruzado o val voltamos as empinadas costas dos incómodos camiños dos montes entre floreados toxeiros e xestas. O suor frío da baixada mesturase co novo que xorde noutro ciclo de esforzo empinado ata o máis outo onde nos espera o reforço que todo boa carreira debe ofrecer.
Nunha explanada adornada de piñeiros domínase os perfís das serras circundantes cun azul escuro baixo celeste do ceo. A un lado unha carrinha cun pernil curado ben asentado no medio e medio do caixón traseiro rodeado de caixas de botellas de albarinho desta banda do río -de menos renome pero de igual eficacia gastronómica-. Despois no medio da torreiro unha longa mesa con augas e bolsiñas con barriñas enerxéticas e froitas como avituamento máis normal. Dicir que o chegares ali os corredores superon ben que escoller para repoñer a forzas e todos se arrimaron a carrinha a dar bo fin a aquel xamón ben mollado co rico blanco das terras do Minho. Dicir que nos, os cinco membros da nosa equipa que como estranxeira fomos tratados cunha hospitalidade especial polos organizadores i en especial por unha daquelas reinonas, loira, docemente farta, elegantemente vestida con prendas de feira, e leda ata competiren co sol -eu de deixarme ir case me afogara nas súas calenturas-. Aquel xamón non tardou ren en amosar o seu contorsionado e pelado oso, mentres as botellas de viño baixaban arreo polas gorxas daqueles combatentes en maias de ciclista, nos que eramos cinco incitados polo anfitrións contribuimos naquela campestre case bacanal festa baixando tres botellas de viño e canto prato con xamón que por ali pasou, e asegurabannos que o pernil era da nosa terra. E o reforço tornouse en estirado almorzo, e seguira de non ser por nos, augafestas a quen lles collía o frío, e aquela campestre princesa instigou os templarios a seguir co esforzo.
E cruzamos alporizados, frenéticos cos fumes do alcol, outros montes, camiños polos que corrían ríos, nun deses en pleno pulo, a bela doncela quitoume unha foto. Ainda é hoxe o día que soño con verme no medio do vado, sen dúbida imaxe evocadora, coa cara descomposta loitando de sair do medio daquela lamada, fin conseguido fachendoso sen ter que apear. E seguiu o camiño por corredoiras abandonadas entre piñeiros, e alí un pau atravesado rompeume o cambio. Coa axuda dun compañeiro cheguei o val e pasamos trunfantes por diante da capela da Nosa Señora dos Miragres deica a meta.
O miragre cumpriuse, a victoria foi nosa, a satisfacción de acadar a santidade, o benestar do desfrute interior mediante o esforzo do "esporto" e a natureza.
Eu marchei para miña alcoba, pero houbo banquete e festa rachada ata ben entrada a tarde a base de bacallao a grella, viño e augardentes.

Esmorgantes