Prosa poética ou versos arrimados

Manolo e Medio, os domingos pola tarde, baixa a vila na moto, unha Derbi Variant que lle comprara a un veciño de segunda man. Séntase nun dos bancos do Parque do Cristo e alí entre ionquis e vellos ponse a ver a xente pasar. Dunha vez pasaron dous namorados, os dous moi noviños, moi vestidos... , moi namorados collidos da man con cadanseu sorriso iluminado. Manolo e Medio míraos calado, alelado... , e despoxas dun bico deles, pon o casco e comeza a chorar coa visera toda empañada.
Acórdase de Rosa, aquela fermosa camareira do Gesma, aquela que lle dixera que era de Kingston, cando el aínda non sabía que iso era Xamaica. Cando cobraba, gastaba toda a soldada pasando a noite co ela, e moitas outras que ela non cobraba. E cando xa non tiña cartos esperábaa toda a noite na porta, i ela cando podía escapaba, e durmían xuntos en calquera recuncho acurrucados entre cariños, porros e bicos...
Chegou un día que ela non estaba, preguntou por ela, dixéronlle que non estaba, que marchara... Alí berrou que a ónde a levaran, e rompeu vasos e mesas…
- ¡Onde está Rosa!, Manolo choraba tirado na cuneta con non sei qué roto da tunda que lle meteran, chea a face de sangue o que máis lle doía era o baldeiro que se lle quedou por dentro. ¿Onde está Rosa?, choraba …
Alí estaba Manolo e Medio, sentado co casco posto, chorando coa visera toda empañada:
qué somos, se non somos o que escondemos,
uns Darth Vader do cotián...,
Publicado no Comikaze - fanzine local- xa fai uns cantos anos...

Esmorgantes